A Baixa Limia-Serra do
Xurés é un parque natural galego que abarca 20.920 hectáreas. Está situado no
sur da provincia de Ourense, e estende a súa zona de actuación ás montañas dos
municipios de Entrimo, Lobios e Muiños ata a fronteira con Portugal, limitando
co Parque Nacional de Peneda-Gerês. É unha zona montañosa na que o material
xeolóxico predominante é o granito.
A UNESCO declarou o Parque
do Xurés como Reserva da Biosfera. Na 21ª reunión do Consello Internacional de
Coordinación do Programa sobre O Home e a Biosfera (MAB) celebrado do 25 ao 29
de maio de 2009 na Illa de Jeju (República de Corea), o Consello decidiu
engadir 22 novos sitios á Rede Mundial de Reservas de Biosfera (RMBR) da
UNESCO, que agora conta cun total de 533 reservas situadas en 106 países. Unha
das que se engadiron foi a do Parque Internacional Xurés-Gerês.
Segundo a propia web da
UNESCO o Gerês/Xurés é unha Reserva da
Biosfera Transfronteiriza situada entre España e Portugal que se estableceu
sobre a base da continuidade biogeográfica das Serras Galaico-Miñotas e os seus
vales compartida por ambos países. A importancia do sitio dende un punto de
vista ecolóxico débese á riqueza dos ecosistemas forestais e de turberas e un
alto nivel de especies endémicas que se desenvolvon polas influencias
climáticas entre o océano Atlántico e o Mediterráneo. As comunidades locais
forman parte integrante da paisaxe rexional, establecéronse centros para o
desenvolvemento sustentable na reserva de apoio aos municipios nos seus
esforzos por fortalecer os criterios de sustentabilidade ambiental no
desenvolvemento local. Co plan de xestión conxunta de ambos os países poderán
beneficiarse das experiencias mutuas e cooperar na xestión sustentable dos
ecosistemas e os servizos relacionados coas características de compartir os
beneficios das comunidades locais.